As terras que compoñen Begonte gardan como tesouros pegadas das antiguas culturas dos nosos ancestros, a meirande parte aínda sen explorar. Conxuntos megalíticos e bosques sagrados, castros celtas, restos da ocupación romana, edificios e igrexas de orixe medieval, cruceiros e muíños.
Begonte, tamén terra de artesáns e artistas, respira cultura pasada e presente e traballa acotío por facer que tradición e contemporaneidade convivan e moldeen positivamente o lugar onde vivimos.
Celebramos as nosas festas patronais en cada parroquia, xuntámonos para homenaxear ós nosos maiores, reunimos á mocidade na Festa da Xuventude, festexamos o verán á beira do río coa Festa da Empanada, e non esquecemos estar á vangarda das novas tendencias en música en galego co noso festival 27373.
Ata temos unha das romerías de peregrinación máis importantes e coñecidas de Galicia, a nosa Virxe dos Miragres de Saavedra.
Dende 1972, o Belén de Begonte forma parte da nosa esencia como pobo. No Nadal Begonte transfórmase e recibe a miles de visitantes desexosos de desfrutar do noso fermoso Belén electrónico. E arredor deste acontecemento teñen lugar unha chea de actividades como premios de poesía, pintura, xornalismo ou debuxo infantil. O ambiente festivo acentúase aínda máis coa celebración do tradicional Mercado de Nadal que cada ano atrae a maior número de expositores e público. Se vives o Nadal, este é o teu sitio!
Séguenos en Instagram e nas nosas redes sociais para recibir todas as nosas novas.