Begonte é unha contorna tranquila e segura onde os máis pequenos poden medrar rodeados de natureza e cunha educación de calidade. O concello conta con centros educativos comprometidos co desenvolvemento integral do alumnado, así como con servizos que facilitan a conciliación familiar e unha ampla oferta de actividades educativas, culturais e deportivas que enriquecen o seu día a día.
Un espazo pensado para acompañar os primeiros anos de vida dos nenos e nenas d 0 a 3 anos en Begonte, nunha contorna moderna, segura e acolledora. Este recurso educativo supón ademais un importante apoio para as familias, facilitando a conciliación e achegando a tranquilidade de contar cun servizo de calidade preto da casa.
O centro conta con comedor escolar con cociña propia, integrado na Rede EcoComedores da Terra Chá, e con plans que facilitan a conciliación da vida familiar e laboral. Ademais, impulsa numerosas iniciativas que enriquecen a aprendizaxe do día a día, como o Polo Creativo, a Aula de Robótica, a Radio na Biblioteca, a horta escolar ou a Escola de Familias. Un proxecto educativo dinámico e de calidade que fomenta a curiosidade, a creatividade e unha formación integral desde os primeiros anos.
En Begonte sempre hai plans. Ao longo do ano organízase unha variada programación de actividades deportivas e socioculturais para todas as idades: deporte, obradoiros creativos, formación ou propostas de benestar que convidan a manterse activo e a compartir tempo con outras persoas.
Ademais, o concello conta cun animado calendario cultural con conferencias, teatro ou cinema que enchen de vida os espazos públicos e fan de Begonte un lugar dinámico, participativo e con moitas ganas de seguir medrando.
Vivir en Begonte tamén abre a porta a unha forma de vida máis natural. Aquí é doado reconectar coa terra, cultivar a túa propia horta, coidar pequenos animais ou gozar de alimentos frescos e de proximidade que forman parte da nosa tradición local.
Ademais, ao longo do ano organízanse cursos e actividades formativas relacionadas co cultivo, a sustentabilidade e o aproveitamento dos recursos do rural. Unha oportunidade para aprender, compartir coñecementos e, se o desexas, mesmo dar os primeiros pasos para emprender neste ámbito.